The End of the Road
Dous Días (1x3)
:
O exército de Afonso VI chega ás portas de Compostela disposto a arrasar a cidade. O seu obxectivo é poñer fin á traizón de Peláez. Gonzalo, escondido no monte co que resta da garda, consegue que se lle concedan dous días para deter o bispo e, así, impedir que o pobo sufra as consecuencias dunha guerra. Xunto co seu irmán Pedro, penetra nas murallas de Compostela para depoñer a quen un día foi o seu Dómine e pai. Pero a cidade está tomada polos mercenarios de Tomás e os seus poucos aliados que lle guedan a Gonzalo ou están mortos ou van camiño diso.
Pola súa banda, os nobres galegos, reunidos no palacio de Peláez, esperan a que o Rei García volva ocupar o trono de Galicia para sublevárense contra Afonso. Pero primeiro deben liberalo. Nuno, acompañado dos seus mellores homes, agarda acampado nas inmediacións do Castelo de Lúa, onde García está preso. Pero entrar non vai ser tan doado como tiñan planeado, xa que alguén informou das súas intencións.
Estevo, alleo a todo isto, continúa inmerso na construción da súa catedral. As innovacións do monxe cada vez son máis espectaculares e arriscadas e os canteiros dan en dubidar de que as súas propostas sexan viables. Estevo, cegado pola súa fe no monxe, impón as súas ideas pola forza sen ter en conta os perigos que iso pode carrexar.
Ao mesmo tempo, na corte de Toledo, o corazón e as políticas de Afonso VI empezan a abrandarse en virtude da influencia de Zaida, algo que Constanza non pode permitir. Coa axuda de Ximena, revélalle ao rei que a filla de Al-Mu´tamid ten un amante. Un acto que desencadeará funestas consecuencias na corte e fará que Constanza rememore un sorprendente amor do seu pasado.